ANPA CEIP Luis Pimentel "Triscos"

Asociación de pais e nais do Colexio Luis Pimentel. Barrio da Piringalla. Lugo.
ANPA Triscos

   ene 31

ANPA Triscos

Estimados Nais e Pais do Centro Luis Pimentel:

Somos un grupo de pais e nais que nos xuntamos para constituír a ANPA do noso Centro Escolar, co propósito de contribuír na mellora da calidade educativa dos nosos fillos e fillas.

A ANPA chámase TRISCOS porque é o nome do primeiro poemario de Luis Pimentel publicado en Pontevedra no ano 1950. O significado de Trisco é: Parte pequena dunha cousa, é dicir queremos ser unha gran parte pequena da comunidade educativa que conformamos todos: NENOS, MESTRES, PAIS, VECIÑOS…

Obxectivos da ANPA.
Dende a Asociación de Nais e Pais de Alumnos tentaremos mellorar a calidade da educación dos nosos fillos. Este reto non depende só do profesorado das escolas, senón que os pais deben involucrarse, porque nestes primeiros anos do ensino será onde se formen os futuros adultos que serán os nosos nenos e nenas. Para acadar esa educación de calidade, académica e humana, a ANPA fai un chamamento a tódolos pais e nais do alumnado do CEIP Luis Pimentel para que se acheguen a esta gran familia que é esta asociación. Pai, Nai, a vosa colaboración é imprescindible.
Lembrade que a ANPA é, sobre todo, o mellor vínculo de comunicación entre todos e todas: pais/nais, profesorado…

Proxectos que propoñemos.
Contando coa opinión de todas e todos, organizaremos: Festas de Nadal, entroido, fin de curso, excursións, actividades de ocio e actividades culturais. Tamén temos moita ilusión en proxectos como: Escola para nais/pais, Informática para nenos e pais, Charlas de interese (Primeiros auxilios, etc.), Festa do baloncesto, Teatro, e calquera outra que entre todos e todas propoñamos.
Pero para facer realidade o que aínda son proxectos, precisamos da vosa implicación.

Como colaborar?
Os pais e nais podedes comezar por acudir ás reunións da nosa asociación e formar parte dos grupos de apoio. Estaremos encantados de recibilos e de escoitar todo o que teñades que aportar.

Como contactar coa vosa Anpa ”Triscos”?
Correo electrónico: participa@anpaceipluispimentel.org
Sitio Web: http://www.anpaceipluispimentel.org/
Teléfonos: 626-068-594, 678-473-588

ASOCIÁNDOTE CONTRIBÚES A UNIR ESFORZOS E IDEAS, DEFENDER OS INTERESES DE TODOS E TODAS, MELLORAR O FUTURO DA NOSA COMUNIDADE E A CALIDADE DO ENSINO.

RECIBIDE A NOSA MÁIS AGARIMOSA BENVIDA.

Descarga a carta de presentación de Triscos en formato pdf

Comentarios pechados.